mércores, 20 de xaneiro de 2016

VALORACIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTOS PARA O 2016

  
   Alternativa Veciñal do Carballiño - En Marea está neste Concello para defender os intereses dos veciños e tratar de correxir o que non funciona. Ate o de agora ten habido boa sintonía co actual grupo de goberno e sacáronse adiante algúns acordos que poden mellorar moito a xestión a curto prazo:
  • Aforramos preto de 2 millóns de euros coa paralización da compra do Edificio Soto.
  • Déuselle saída á situación da Fábrica de Papel e os terreos colindantes.
  • Estánse facendo os preparativos para xestionar dende o Concello a recadación, que a día de hoxe supón un gasto de 380.000 €.
  • Estamos na fase de adxudicación da auditoría para saber como se gastaron os cartos nos últimos catro anos e tomar medidas para non volver a perder 3 millóns de euros por impago de impostos.
     Agora toca o máis importante a corto prazo, que é decidir os orzamentos e a conformación dos postos de traballo para o 2016.


     ORZAMENTOS 2016

     Non é doado a corto prazo facer reformas drásticas para racionalizar gastos e ao mesmo tempo prestar mellores servizos. Este ano sairán a concurso as prazas seguintes:
  • Tesoureiro/a con habilitación nacional.
  • Técnico de Xestión Orzamentaria.
  • Técnico de Administración Xeral, para levar o servizo de recadación.
   Este persoal levará a recadación e aínda permitirá un aforro de 200.000 € en comparación co actual sistema.

    Capítulos importantes como: saneamento, auga, etc. (1.500.000 €), lixo (700.000 €), alumeado (500.000 €); iránse acometendo según caduquen as concesións ou se recuperen por incumprimento de contrato, liberando sumas importantes para aforrar impostos e mellorar servizos e contratación de persoal.
     Respecto ó Persoal ou  Relación de Postos de Traballo, a primeira impresión é de falta de persoal na rúa (limpeza viaria, parques e xardíns, obras...) e de necesidade de reorganización do persoal de administración.
     Hai persoal que accedeu ao posto de traballo de forma atípica e leva anos nesa situación que hai que regularizar segundo as necesidades do Concello.


     Para elo, desde Alternativa Veciñal O Carballiño - En Marea tratarase de:
  • Propiciar que se negocie cos sindicatos a Relación de Postos de Traballo (RPT) reflexando a función e salario de cada traballador/a e se estableza un convenio actualizado. Empezaránse polos "interinos indefinidos", que están en situación máis irregular e que é a causa dunha imputación dun ex-alcalde do Carballiño.
  • Creación da figura do Técnico de Obras e Medio Ambiente, que será o responsable de que as brigadas de Obras e Medio Ambiente funcionen con criterios empresariais: plan de traballo, partes de actividade diaria, supervisión, etc.
  • Suprimir o Padroado de Turismo, sendo asumidas estas competencias pola Concellalía respectiva, supoñendo un aforro duns 30.000 €.
  • O mesmo sucede ca antiga Emisora Municipal que, de non poñerse a funcionar de novo, haberá que pechala definitivamente, o que repercutirá nun aforro duns 50.000 € en aluguer de instalacións e persoal. 
  • Tentaráse traspasar as competencias de formación musical á Xunta de Galicia despois das próximas eleccións autonómicas, o que hoxe representa un gasto de 184.000 €. Un custo demasiado elevado para o Concello e para os pais e nais dos alumnos/as, a quen cada ano se lle incrementan as taxas de matrícula. É un capítulo que a Xunta debe asumir como parte da educación pública gratuíta. 
  • Deberáse solucionar o funcionamento da Policía Local, que significa un gasto de 578.000 €/ano e que en días como en Fin de Ano non había apenas efectivos na rúa.
     Alternativa Veciñal do Carballiño - En Marea, está estes días en conversas co grupo de goberno, con vistas a establecer os criterios mínimos que esta agrupación esixirá para propiciar a aprobación dos orzamentos do 2016. Está tamén en contacto cos sindicatos para sentar as bases da creación dunha RPT que conxugue melloras para os traballadores/as e garanta atender as necesidades dos servizos que o Concello presta administrando os impostos do vecindario.

                                                                    O Carballiño a 19 de Xaneiro de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario