domingo, 12 de xuño de 2016

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO SOBRE A ACLARACIÓN DA DÉBEDA DE 33.202,29€ ATRIBUIDA A UN TRABALLADOR DO CONCELLO E DA APROBACIÓN DA PRESCRIPCIÓN DE 60.000€DA COTA DO 40%DO IAE DE VARIOS ANOS CORRESPONDENTE Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL

Feitos:

Primeiro.- No Auto Xudicial 00079/2015 de 05/02/2015 disponse  ó "SOBRESEMENTO PROVISIONAL, POR NON APARECER DEBIDAMENTE XUSTIFICADA A PERPETACIÓN DUN DELITO".
Segundo.- Este "SOBRESEMENTO PROVISIONAL..." ven derivado das dilixencias previas 0000760/2014 sobre a atribución dunha débeda co concello de 32.202,90€ a un traballador do mesmo no desempeño das súas funcións.
Terceiro.- O Pleno desta corporación de 28/12/2012 aprba a prescripción de 60.000€ da cota do 40% do IAE de varios anos correspondente á Deputación Provincial e dalos de baixa nas contas municipais, función esta que non corresponde ao Concello e que pode supoñer unha defradación de caudais públicos ou apropiación indebida.
Cuarto.- No ano 2015, co permiso do Sr. Alcalde, procédese a investigar no arquivo municipal este asunto dando como resultado a aparición de novos documentos que poden aportar datos para reabrir o Auto  de 05/02/2015  antes conducir á reparación do dano causado na honra e dignidade do traballador acusado e averiguar se houbo prexuízos económicos para o concello e, en caso afirmativo, demandar responsabilidades.

Como representes desta corporación, encargados de velar polos intereses económicos do concello e de atender á demanda dun cidadán que considera que houbo unha intrommisión na súa honra e dignidade, temos o deber e a obriga de tomar todas as medidas para reparar os posibles danos causados. Do mesmo xeito consideramos necesario sabe se estivo ben tomado o acordo do Pleno 27/12/12 por se houbo fraude de caudais públicos.

É por elo que A.V. somete á aprobación do Pleno da Corporación o seguinte acordo:

Primeiro.- Que a alcaldía abra un expediente informativo ao Departamento de Tesourería sobrea a atribución da débeda de 33.202,90€ das altas do IAE de 1994 a un traballador do concello e sobre a prescipción de 60.000€ da cuota do 40% do IAE de varios anos correspondente a Deputación Provincial aprobada no pleno do 27/12/2012.

Segundo.- Dar cumplimento do acordo plenario tomado o 27/12/2012 no punto 7 da orde do día que di: "Depurar as responsabilidades (refírese á prescripción de máis de tres millóns de euros) e, de ser o caso, esixir a indemnización polos danos e prexuízos causados".

O Carballiño a 18 de Abril de 2016.

venres, 10 de xuño de 2016

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO EN REXEITAMENTO DO ACORDO ENTRE A UNIÓN EUROPEA E TURQUÍA PARA A EXPULSIÓN DE SOLICITANTES DE ASILO

     O pasado 7 de marzo, a Unión Europea e Turquía chegaron a un principio de acordo que, de feito, supón o peche das fronteiras europeas aos solicitantes de asilo político que escapan dos conflitos de Asia e África. Por medio deste acordo, que debe ser referendado no cumio a celebrar os días 17 e 18 deste mes, procédese á expulsión e regreso a Turquía dos solicitantes de asilo que cheguen a través do Exeo.

    A cambio, a UE facilita o tránsito dentro do espazo Schenguen aos cidadáns turcos, que xa non precisarán visado para desprazarse no interior da UE; axiliza as conversas de acceso dese país na Unión; e entregará 6.000 millóns de euros ao Goberno de Ankara para a atención ás persoas refuxiadas.  É dicir, a través deste acordo facilítase o tránsito intereuropeo aos case 75 millóns de turcos- o cal parece positivo-, pero impídeselle aos dous millóns de persoas refuxiadas sirias, afgás ou iraquís. Facilítanse 6.000 millóns de euros para a atención ás persoas refuxiadas, pero ao mesmo tempo bloquéase o seu acceso aos países de acollida.

    Este acordo non só é contraio á Carta de Dereitos Fundamentais da UE, cuxo artigo 19 estipula que as expulsións colectivas est´n prohibidas no interior da UE. Incumpre a Convención de 1951 sobre o Estatuto dos Refuxiados de Nacións Unidas, que no seu artigo 3 prohibe a discriminación por país de orixe. Infrinxe a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que no seu artigo 14 establece o dereito a asilo en calquera país.
Europa comprometérase, en setembro de 2015, a admitir a 160.000 refuxiados, unha cantidade claramente insuficiente. Pero a mediados de xaneiro de 2016, tan só foran admitidas menos de 800 persoas, das 22.500 que deberían ter chegado; entre elas as 18 que chegaron ao Estado español. Mentres, países con menos recursos como Xordania ou Líbano acollen a millóns deles, algo do que o Occidente desenvolvido non é capaz.

    Pechar as fronteiras non vai solucionar os problemas dos refuxiados, nin rematar coas causas da guerra. Negar un paso seguro ás persoas solicitantes de asilo significa a súa condena aos riscos da violación, o roubo, a desaparición de menores, a explotación das mafias, e á morte. E sendo o máis importante drama social, non esquezamos que significa tamén a última lousa á construcción dun proxecto europeo común, solidario, incluínte e humanitario.

    Os acontecementos descritos recomendan a redacción da presente moción e a apobación dos seguintes acordos do Pleno municipal:

ACORDOS:

1.- O Pleno da Corporación expresa o rexeitamento do acordo entre a UE con Turquía, relativo á expulsión de solicitantes de asilo, por incumprir os principios xurídicos básicos  do dereito internacional, e os compromisos subscritos polo Estado.
2.- O Concello do Crablliño expresa a súa solicitude, de que a UE autorice o paso seguro das súas fronteiras aos solicitantes de asilo que chegan á UE ou que xa están nela.
3.- O Concello do Carballiño insta ao Goberno do Estado  en funcións a pronunciarse en contra do acordo con Turquía, no correspondente encontro da UE.
4.-O concello do Carballliño esixe á Xunta de Galicia, á FEGAMP e ás Deputacións Provinciais galegas a pronunciarse en conta dun acordo que de xeito tan manifesto e directo violenta a legalidade internacional e os Dereitos Humanos.
5.- Como expresión de rexeitamento do tratado e de solidariedade coas persoas desprazadas e solicitantes de asil, así como de dó polas que faleceron na fuxida, a bandeira europea situada na Casa do Concello ondeará a media asta durante o prazo dun mes.
6.-O Concello do Carballiño solicitará á Xunta de Galicia que poña a disposición dos organismos oficiais que se encargan da acollida de refuxiados a Residencia do Tempo Libre paa ser utilizada por estas persoas mentras dure a súas situación.

O Carballiño a 31 de marzo de 2016

martes, 29 de marzo de 2016

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO PARA REABRIR A EMISORA MUNICIPAL



EXPOSICIÓNS DE MOTIVOS: 


     Durante varios anos este concello dispuxo dun medio de comunicación público de radio que respodía ao nome de "ARENTEIRO DIXITAL". Dito medio de comunicación servía aos intereses informativos do propio concello e da cidadanía en xeral, cumplindo unha función social moi importante como é a de garantir a liberdade de expresión e ser unha canle de difusión cultural da vila e da comarca. Polo tanto, a día de hoxe, no concello do Carballiño e na súa área comarcal de influencia só contamos con unha emisora de radio e unha televisión privadas.

     Para o seu funcionamento foi convocado en 1998 un concurso-oposición libre para cubrir a praza de Director como laboral fixo e tamén se contratou a de técnico de son. O Director ao cabo dun tempo pediu unha excedencia voluntaria e foi substituído por un contratado.
      A emisora municipal leva varios anos sin funcionar, mais as consecuencias económicas derivadas do persoal adscrito á mesma supoñen nos orzamentos do 2016 a contía de 49.363,66 €.

     En vistas a que sempre é conveniente ter medios de comunicación públicos, con control democrático, que garantan unha información veraz e equitativa, sen depender de criterios comerciais. E en vista de que o Concello do Carballiño xa dispón do material, dos recursos humanos e do orzamento, Alternativa Veciñal propón á corporación do Concello do Carballiño a aprobación dun dos seguintes acordos:

  1. Recuperar o funcionamento da emisora municipal "Arenteiro Dixital" co persoal e recursos materiais cos que xa conta o concello.
  2. De non aprobarse o primeiro punto, dar de baixa como traballadores do concello ás persoas que estaban adscritas a este servizo, coa correspondente indemnización, se procede.
                                                             O Carballiño a 19 de Febreiro de 2016

mércores, 2 de marzo de 2016

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO PARA A OPOSICIÓN Ó TTIP POR PARTE DO MUNICIPIO

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO DIRIXIDA AO PLENO, RELATIVA Á DECLARACIÓN DE MUNICIPIO OPOSTO Á APLICACIÓN DO TRATADO TRANSATLÁNTICO DE COMERCIO E INVESTIMENTO (TTIP)


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


     No 2013, a Comisión Europea recibiu o mandato dos estados membros da Unión Europea (UE) de negociar cos Estados Unidos (UEA) o "Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento" (coñecido como TTIP polas súas siglas en inglés), presuntamente co fin de incrementar o comercio entre a UE e EUA, reducindo non só as barreiras arancelarias (cuxo nivel é xa moi baixo) senón, sobre todo, as barreiras non arancelarias, ca desculpa da creación de emprego, o crecemento económico e a mellora da competitividade.

     Dende entón, a UE e EUA están a negociar, cun intolerable déficit de transparencia e control por parte da cidadanía e dos seus representantes políticos (Parlamentos nacional e europeo), un amplo acordo de liberalización do comercio e dos investimentos que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, medioambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
     Os EUA e a UE intentan incluír no TTIP medidas para a protección dos investidores. No caso de que ditos investidores presentasen conflitos cos Estados, un tribunal especial de arbitraxe encargaríase de resolver de acordo coa cláusula de "Resolución de conflitos Investidor-Estado" (ISDS en inglés). Este tribunal tería competencias para impor compensacións económicas aos Estados en beneficio dos investidores estranxeiros, sempre que estes demostren que aqueles aplican certas medidas que reduzan os seus beneficios presentes ou futuros (por exemplo, o aumento dos estándares de protección medioambiental ou sanitaria). Neste caso, o Estado non podería recorrer a sentenza, xa que as decisións dos órganos de arbitraxe son firmes e non poden ser cuestionadas.

     Isto significa, de feito, limitar a capacidade das Administracións Públicas de calquera nivel (estatal, autonómico ou municipal) para adoptar políticas nas áreas de saúde pública, medio ambiente ou protección social e laboral, por temor ás posibles indemnizacións ás que terían que facer fronte se foran demandados polas ETN. A aprobación do TTIP traería consigo un risco engadido para a nosa cidade: é posible que o Tratado inclúa compromisos por parte dos Estados europeos en cuestións relacionadas coa educación superior, o que significa supeditar o ensino universitario a intereses económicos, atacando a sustentabilidade das universidades públicas.

      Do mesmo xeito, o TTIP instaura a creación dun ente permanente chamado Organismo de Cooperación Reguladora que supervisará todas as regulamentacións e actos normativos da UE e dos seus Estados membros, icluídos os gobernos a nivel central e local, en relación ao estipulado en calquera dos capítulos do TTIP, dando acceso directo aos lobbies empresariais para influír e modificar lexislación actual e futura no seu beneficio.

     A cooperación reguladora, tal e como se pretende establecer no TTIP, tería como consecuencia que calquera iniciativa regulamentaria municipal, por exemplo a elaboración das ordeanzas reguladoras dos polígonos industriais que inclúan criterios de sustentabilidade no marco das Axendas 21 locais, podería ser cuestionada polas ETN, debendo pasar un filtro custo-beneficio e unha avaliación de impacto comercial para poder ser aprobada, o que na práctica implicaría o seu bloqueo na maioría dos casos. Ademais, as posibles remunicipalizacións de servizos privatizados por gobernos anteriores devirían en prácticamente imposibles.

     Este tratado suporía a mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos Estados aos intereses das grandes corporacións.

     O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura da prestación dos mesmos por parte das ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo o carácter mesmo do sector público en todos os niveis institucionais e de poder, compromentendo a facultade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover a actividade industrial, o emprego e as iniciativas locais. 
     Se as negociacións sobre o TTIP seguen adiante, a lóxica imposta por este tratado levaría ao desmantelamento dos servizos públicos, á perda da liberdade dos poderes locais para subministrar os bens e servizos necesarios que permitan satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, así como limitacións á promoción de políticas de fomento da actividade industrial e de xeración de emprego local.

      Esta maior liberalización das relacións comerciais EUA-UE, tal e como está concibida, implicaría unha rebaixa das regulacións que protexan ás persoas, como consumidoras e como traballadoras, e ao medio ambiente, xa que ditas regulacións enfróntanse aos beneficios das corporacións. Deste xeito, poríase fin ao "principio de precaución" vixente en Europa, o cal regula a lexislación sobre alimentación e dereitos dos consumidores europeos.

     A aprobación da TTIP contribuiría, no caso do Estado Español, á planificada ofensiva do neoliberalismo conservador instalado no Goberno de España para desmantelar os municipios e que, en nome da "Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local", pretende tres obxectivos básicos:

  • Restrinxir a democracia e a autonomía local.
  • A supresión das competencias e servizos públicos locais.
  • A total privatización dos servizos municipais.

     As cidades e os municipios europeos recoñecemos a importancia do comercio de mercadorías e de servizos para o benestar da cidadanía. Porén, a competitividade e o desenvolvemento económico non deberían ser os únicos criterios para determinar os acordos comerciais como o TTIP e similares (por exemplo, o Acordo Multilateral para a Liberalización e Privatización de Servizos Públicos -TISA- e o Acordo de Libre Comercio entre Canadá e a UE -CETA-). Do mesmo xeito, os aspectos ecolóxicos e sociais deben de terse en conta en calquera negociación comercial bilateral e multilateral. Tamén é importante que se realice unha análise comparativa entre os custos que se xerarían nestes ámbitos coa aplicación do Tratado e as supostas vantaxes que o mesmo iría a achegar. Esta análise non só debe abranguer os efectos económicos potenciais, senón tamén os impactos que o TTIP podería ter en eidos como o social, o económico, o sanitario, o cultural e o medioambiental, tanto na UE como nos EUA.

     Os gobernos rexionais da UE, así como as Corporacións Locais e Comunidades Autónomas do territorio español, teñen dereito a ser informados sobre a lexislación que vai ser acordada a escala europea e que lles pode afectar, para que deste xeito poidan expresar as súas opinións. Ese dereito non foi facilitado ata o de agora ás distintas rexións e Corporacións Locais europeas, a respecto das negociacións que se veñen producindo arredor do TTIP.

     As Administracións Locais:
  • Ao estar preto das necesidades dos habitantes teñen o deber de inxerencia respecto ao que persegue o TTIP, así como a obriga de responder ao mesmo, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo.
  • Sendo as canles adecuadas para promover os servizos públicos, a industria e o emprego locais, esfórzanse para a súa promoción como resposta ao interese común.
  • Están obrigadas a protexer os dereitos sociais, económicos e medioambientais, e a facer fronte aos perigos e esixencias que quere impor o TTIP permitindo prácticas hoxe prohibidas polas leis europeas. Cabe mencionar entre elas: a produción de produtos químicos e farmacéuticos sen que a súa inocuidade estea comprobada científicamente, a aceptación de alimentos modificados xenéticamente, o consumo de carne de tenreira e de porco tratados con hormonas ou de carne de polos esterilizados con cloro; ou a extracción de gas por medio da técnica do fracking.

     As colectividades locais queremos ampliar o debate público e democrático sobre o que verdadeiramente está en xogo tras este Tratado, e a sorte que correrían os servizos e as compras públicas no caso de implantarse.

     Polo anteriormente exposto, as colectividades locais queren por de manifesto que:
  1. O comercio e o investimento soamente poden contribuír ao ben común e conducir a intercambios económicos e socialmente beneficiosos se respectan as necesidades humanas, e non se basean únicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas transnacionais.
  2. A aprobación deste tratado suporía a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos e tamén a eliminación programada e progresiva da solidariedade e da democracia.
  3. A abertura total dos servizos e das compras públicas á competencia do capital privado produce efectos contraproducentes en canto á súa universalidade e accesibilidade, calidade e custo.
  4. Os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.
  5. Só a existencia diversificada dos servizos públicos socialmente útiles permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia.
  6. O control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos, así como favorecer a industria e emprego locais.

     En base ao anterior, o grupo municipal de ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO, solicita ao pleno do Concello a adopción da seguinte MOCIÓN:


1.- Declarar a este Municipio do Carballiño como municipio insubmiso e oposto á TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social.

2.-Solicitar do Ministerio de Administracións Pública do Goberno de España: 
  • O seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos.
  • A derogación inmediata con carácter retroactivo da "Lei de Racionalización e Susentabilidade da Administración Local", para lexislar no seu lugar unha nova normativa enfocada ao desenvolvemento da economía local.
3.- Solicitar do Ministerio de Economía e Competitividade:
  • A suspensión das negociacións do TTIP e do TISA, e a non ratificación do CETA.
  • Que disposicións do tipo ISDS non sexan incluídas en ningún futuro tratado de comercio ou investimentos, e sexan limitadas aos tratados actualmente en vigor.
  • O mesmo aplica para disposicións sobre servizos públicos e da propiedade intelectual.
  • Evitar a participación directa ou indirecta das ETN, a través de calquera tipo de organismo ou lobbie, nos procesos reguladores ou normativos da UE e os seus Estados Membros, en relación con temas sociais, laborais, sanitarios, medioambientais ou calquera outra materia. Os entes reguladores públicos poderán en todo caso establecer consultas non discriminatorias con organizacións democráticas da sociedade civil.
5.- Dar traslado deste acordo aos Gobernos de España e de Galicia e a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Parlamento Europeo, para que se rexistre e quede constancia do mesmo.


                                                                     O Carballiño, a 3 de Febreiro de 2016


mércores, 20 de xaneiro de 2016

VALORACIÓN DA PROPOSTA DE ORZAMENTOS PARA O 2016

  
   Alternativa Veciñal do Carballiño - En Marea está neste Concello para defender os intereses dos veciños e tratar de correxir o que non funciona. Ate o de agora ten habido boa sintonía co actual grupo de goberno e sacáronse adiante algúns acordos que poden mellorar moito a xestión a curto prazo:
  • Aforramos preto de 2 millóns de euros coa paralización da compra do Edificio Soto.
  • Déuselle saída á situación da Fábrica de Papel e os terreos colindantes.
  • Estánse facendo os preparativos para xestionar dende o Concello a recadación, que a día de hoxe supón un gasto de 380.000 €.
  • Estamos na fase de adxudicación da auditoría para saber como se gastaron os cartos nos últimos catro anos e tomar medidas para non volver a perder 3 millóns de euros por impago de impostos.
     Agora toca o máis importante a corto prazo, que é decidir os orzamentos e a conformación dos postos de traballo para o 2016.


     ORZAMENTOS 2016

     Non é doado a corto prazo facer reformas drásticas para racionalizar gastos e ao mesmo tempo prestar mellores servizos. Este ano sairán a concurso as prazas seguintes:
  • Tesoureiro/a con habilitación nacional.
  • Técnico de Xestión Orzamentaria.
  • Técnico de Administración Xeral, para levar o servizo de recadación.
   Este persoal levará a recadación e aínda permitirá un aforro de 200.000 € en comparación co actual sistema.

    Capítulos importantes como: saneamento, auga, etc. (1.500.000 €), lixo (700.000 €), alumeado (500.000 €); iránse acometendo según caduquen as concesións ou se recuperen por incumprimento de contrato, liberando sumas importantes para aforrar impostos e mellorar servizos e contratación de persoal.
     Respecto ó Persoal ou  Relación de Postos de Traballo, a primeira impresión é de falta de persoal na rúa (limpeza viaria, parques e xardíns, obras...) e de necesidade de reorganización do persoal de administración.
     Hai persoal que accedeu ao posto de traballo de forma atípica e leva anos nesa situación que hai que regularizar segundo as necesidades do Concello.


     Para elo, desde Alternativa Veciñal O Carballiño - En Marea tratarase de:
  • Propiciar que se negocie cos sindicatos a Relación de Postos de Traballo (RPT) reflexando a función e salario de cada traballador/a e se estableza un convenio actualizado. Empezaránse polos "interinos indefinidos", que están en situación máis irregular e que é a causa dunha imputación dun ex-alcalde do Carballiño.
  • Creación da figura do Técnico de Obras e Medio Ambiente, que será o responsable de que as brigadas de Obras e Medio Ambiente funcionen con criterios empresariais: plan de traballo, partes de actividade diaria, supervisión, etc.
  • Suprimir o Padroado de Turismo, sendo asumidas estas competencias pola Concellalía respectiva, supoñendo un aforro duns 30.000 €.
  • O mesmo sucede ca antiga Emisora Municipal que, de non poñerse a funcionar de novo, haberá que pechala definitivamente, o que repercutirá nun aforro duns 50.000 € en aluguer de instalacións e persoal. 
  • Tentaráse traspasar as competencias de formación musical á Xunta de Galicia despois das próximas eleccións autonómicas, o que hoxe representa un gasto de 184.000 €. Un custo demasiado elevado para o Concello e para os pais e nais dos alumnos/as, a quen cada ano se lle incrementan as taxas de matrícula. É un capítulo que a Xunta debe asumir como parte da educación pública gratuíta. 
  • Deberáse solucionar o funcionamento da Policía Local, que significa un gasto de 578.000 €/ano e que en días como en Fin de Ano non había apenas efectivos na rúa.
     Alternativa Veciñal do Carballiño - En Marea, está estes días en conversas co grupo de goberno, con vistas a establecer os criterios mínimos que esta agrupación esixirá para propiciar a aprobación dos orzamentos do 2016. Está tamén en contacto cos sindicatos para sentar as bases da creación dunha RPT que conxugue melloras para os traballadores/as e garanta atender as necesidades dos servizos que o Concello presta administrando os impostos do vecindario.

                                                                    O Carballiño a 19 de Xaneiro de 2016