venres, 10 de xuño de 2016

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO EN REXEITAMENTO DO ACORDO ENTRE A UNIÓN EUROPEA E TURQUÍA PARA A EXPULSIÓN DE SOLICITANTES DE ASILO

     O pasado 7 de marzo, a Unión Europea e Turquía chegaron a un principio de acordo que, de feito, supón o peche das fronteiras europeas aos solicitantes de asilo político que escapan dos conflitos de Asia e África. Por medio deste acordo, que debe ser referendado no cumio a celebrar os días 17 e 18 deste mes, procédese á expulsión e regreso a Turquía dos solicitantes de asilo que cheguen a través do Exeo.

    A cambio, a UE facilita o tránsito dentro do espazo Schenguen aos cidadáns turcos, que xa non precisarán visado para desprazarse no interior da UE; axiliza as conversas de acceso dese país na Unión; e entregará 6.000 millóns de euros ao Goberno de Ankara para a atención ás persoas refuxiadas.  É dicir, a través deste acordo facilítase o tránsito intereuropeo aos case 75 millóns de turcos- o cal parece positivo-, pero impídeselle aos dous millóns de persoas refuxiadas sirias, afgás ou iraquís. Facilítanse 6.000 millóns de euros para a atención ás persoas refuxiadas, pero ao mesmo tempo bloquéase o seu acceso aos países de acollida.

    Este acordo non só é contraio á Carta de Dereitos Fundamentais da UE, cuxo artigo 19 estipula que as expulsións colectivas est´n prohibidas no interior da UE. Incumpre a Convención de 1951 sobre o Estatuto dos Refuxiados de Nacións Unidas, que no seu artigo 3 prohibe a discriminación por país de orixe. Infrinxe a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que no seu artigo 14 establece o dereito a asilo en calquera país.
Europa comprometérase, en setembro de 2015, a admitir a 160.000 refuxiados, unha cantidade claramente insuficiente. Pero a mediados de xaneiro de 2016, tan só foran admitidas menos de 800 persoas, das 22.500 que deberían ter chegado; entre elas as 18 que chegaron ao Estado español. Mentres, países con menos recursos como Xordania ou Líbano acollen a millóns deles, algo do que o Occidente desenvolvido non é capaz.

    Pechar as fronteiras non vai solucionar os problemas dos refuxiados, nin rematar coas causas da guerra. Negar un paso seguro ás persoas solicitantes de asilo significa a súa condena aos riscos da violación, o roubo, a desaparición de menores, a explotación das mafias, e á morte. E sendo o máis importante drama social, non esquezamos que significa tamén a última lousa á construcción dun proxecto europeo común, solidario, incluínte e humanitario.

    Os acontecementos descritos recomendan a redacción da presente moción e a apobación dos seguintes acordos do Pleno municipal:

ACORDOS:

1.- O Pleno da Corporación expresa o rexeitamento do acordo entre a UE con Turquía, relativo á expulsión de solicitantes de asilo, por incumprir os principios xurídicos básicos  do dereito internacional, e os compromisos subscritos polo Estado.
2.- O Concello do Crablliño expresa a súa solicitude, de que a UE autorice o paso seguro das súas fronteiras aos solicitantes de asilo que chegan á UE ou que xa están nela.
3.- O Concello do Carballiño insta ao Goberno do Estado  en funcións a pronunciarse en contra do acordo con Turquía, no correspondente encontro da UE.
4.-O concello do Carballliño esixe á Xunta de Galicia, á FEGAMP e ás Deputacións Provinciais galegas a pronunciarse en conta dun acordo que de xeito tan manifesto e directo violenta a legalidade internacional e os Dereitos Humanos.
5.- Como expresión de rexeitamento do tratado e de solidariedade coas persoas desprazadas e solicitantes de asil, así como de dó polas que faleceron na fuxida, a bandeira europea situada na Casa do Concello ondeará a media asta durante o prazo dun mes.
6.-O Concello do Carballiño solicitará á Xunta de Galicia que poña a disposición dos organismos oficiais que se encargan da acollida de refuxiados a Residencia do Tempo Libre paa ser utilizada por estas persoas mentras dure a súas situación.

O Carballiño a 31 de marzo de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario