Temos un caudal de esperanza e ilusión. É posible mudar as cousas, é posible mudar as políticas.
Temos esperanza porque a cidadanía, a xente, estamos a lograr que a idea de xustiza volva estar no centro da discusión pública. Temos ilusión porque estamos a lograr que a loita contra as desigualdades sexa o principio que guíe as actuacións políticas. Esperanza en que a participación sexa un mecanismo que conte nas decisións, ilusión en que o interese xeral sexa o facho que nos alumea.
A cidadanía galega non está condenada a sufrir as consecuencias das políticas de austeridade, das privatizacións e da agresión ás liberdades impulsadas polos oligopolios económicos e financeiros, políticas executadas coa complicidade dos poderes mediáticos. A cidadanía galega non quere máis tesoiradas aos nosos dereitos, nin máis ataques á convivencia e á cohesión social, non quere máis asaltos á propia Democracia. É urxente acabar coa corrupción, co clientelismo e coa incompetencia da xente que vive do conto e á conta do sector público.
As eleccións municipais do 24 de maio, como as europeas hai un ano, mostraron que o cambio político en Galicia e no Estado é posible, sempre que se dean dúas condicións:
- - Empoderamento e liderado da cidadanía: a implicación, empuxe e responsabilidade de moitas persoas foron o motor do cambio nas eleccións do 24 de maio e deben selo nas futuras.
- - Confluencia das organizacións políticas, novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas, antepoñendo o ben común aos intereses dos partidos.
Estas dúas dimensións están presentes nas candidaturas de base asemblearia que emerxeron dos movementos cívicos desde Nunca Máis, Non á Guerra e o 15M até hoxe. Cando estas condicións se acadaron, logrouse o éxito electoral. Cando non, frustráronse as arelas de cambio de moita xente.
Nos próximos meses afrontaremos dúas convocatorias electorais consecutivas: as xerais e as autonómicas galegas. O primeiro reto que temos por diante é promover un cambio no Estado, pero Galicia non só merece un cambio senón que tamén quere encabezalo. É unha oportunidade histórica que debemos aproveitar, considerando o noso contexto político:
- - En Galicia é preciso o concurso de todas as forzas progresistas para acadar a hexemonía social e electoral.
- - É necesario evitar a fragmentación para conseguir que o sistema electoral vixente non penalice a forza do cambio político.
- - Ningunha das forzas políticas alternativas está en condicións de protagonizar en solitario o cambio político, nin de liderar por si soa unha alternativa galega de progreso.
- - Só a mestura e colaboración entre forzas e xentes nacionalistas e non nacionalistas é capaz de sumar vontades e multiplicar adhesións.
É crucial dotármonos dunha estratexia coherente para as dúas convocatorias electorais que se aveciñan. As marcas non son importantes. O importante é o cambio, a cooperación entre as partes e, de xeito central, a participación cidadá e o protagonismo da xente.
Agardamos dos partidos políticos un exercicio de responsabilidade que impulse as mudanzas anheladas pola maioría social. Os tempos son chegados.
Por iso propoñemos impulsar senllas candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e as autonómicas que terán en Galicia un ámbito de decisión propio.
- - Promoverase unha candidatura galega de unidade popular que poida, xunto con outras candidaturas, contribuír á realización dun novo pacto constituínte respectuoso co dereito a decidir da cidadanía e dos pobos que integramos o Estado español.
- - A candidatura galega de unidade popular formará, ou de ser o caso apoiará, un grupo parlamentario galego nas Cortes que garanta a representación e defensa dos intereses da cidadanía galega e comprometerase a apoiar un goberno alternativo de unidade popular no Estado.
- - Os grupos parlamentarios das candidaturas de unidade popular en Madrid e Compostela responderán perante as asembleas e outros organismos delas emanados mediante os mecanismos de participación cidadá, presenciais e telemáticos, que se aproben.
- - A elección das candidaturas, quer as provinciais quer a da presidencia á Xunta de Galicia, realizaranse mediante un proceso de eleccións primarias abertas á cidadanía, con censo e inscrición rogada.
Chamamos á cidadanía galega a participar activamente neste proceso de unidade popular. Interpelamos especialmente ás mareas municipais que están a protagonizar o cambio, tanto nas cidades como en moitos outros concellos. Chamámolas a que, sen desatender a obriga primeira que os seus veciños e veciñas lles encomendaron, contribúan a construír este tempo novo.
Aínda que a iniciativa corresponde á cidadanía, convidamos a sumárense ao Manifesto aos partidos políticos e ás persoas a eles afiliadas. Debemos deixar de lado as diferenzas e amosar xenerosidade e intelixencia perante o que é xa unha onda imparable de esperanza, de cambio e de progreso.
É posible outra política. É posible outro País.
Saúde, Terra e Mar.
Compostela, 19 de xuño de 2015