MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO DIRIXIDA AO PLENO, RELATIVA Á DECLARACIÓN DE MUNICIPIO OPOSTO Á APLICACIÓN DO TRATADO TRANSATLÁNTICO DE COMERCIO E INVESTIMENTO (TTIP)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
No 2013, a Comisión Europea recibiu o mandato dos estados membros da Unión Europea (UE) de negociar cos Estados Unidos (UEA) o "Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento" (coñecido como TTIP polas súas siglas en inglés), presuntamente co fin de incrementar o comercio entre a UE e EUA, reducindo non só as barreiras arancelarias (cuxo nivel é xa moi baixo) senón, sobre todo, as barreiras non arancelarias, ca desculpa da creación de emprego, o crecemento económico e a mellora da competitividade.
Dende entón, a UE e EUA están a negociar, cun intolerable déficit de transparencia e control por parte da cidadanía e dos seus representantes políticos (Parlamentos nacional e europeo), un amplo acordo de liberalización do comercio e dos investimentos que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, medioambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
Os EUA e a UE intentan incluír no TTIP medidas para a protección dos investidores. No caso de que ditos investidores presentasen conflitos cos Estados, un tribunal especial de arbitraxe encargaríase de resolver de acordo coa cláusula de "Resolución de conflitos Investidor-Estado" (ISDS en inglés). Este tribunal tería competencias para impor compensacións económicas aos Estados en beneficio dos investidores estranxeiros, sempre que estes demostren que aqueles aplican certas medidas que reduzan os seus beneficios presentes ou futuros (por exemplo, o aumento dos estándares de protección medioambiental ou sanitaria). Neste caso, o Estado non podería recorrer a sentenza, xa que as decisións dos órganos de arbitraxe son firmes e non poden ser cuestionadas.
Isto significa, de feito, limitar a capacidade das Administracións Públicas de calquera nivel (estatal, autonómico ou municipal) para adoptar políticas nas áreas de saúde pública, medio ambiente ou protección social e laboral, por temor ás posibles indemnizacións ás que terían que facer fronte se foran demandados polas ETN. A aprobación do TTIP traería consigo un risco engadido para a nosa cidade: é posible que o Tratado inclúa compromisos por parte dos Estados europeos en cuestións relacionadas coa educación superior, o que significa supeditar o ensino universitario a intereses económicos, atacando a sustentabilidade das universidades públicas.
Do mesmo xeito, o TTIP instaura a creación dun ente permanente chamado Organismo de Cooperación Reguladora que supervisará todas as regulamentacións e actos normativos da UE e dos seus Estados membros, icluídos os gobernos a nivel central e local, en relación ao estipulado en calquera dos capítulos do TTIP, dando acceso directo aos lobbies empresariais para influír e modificar lexislación actual e futura no seu beneficio.
A cooperación reguladora, tal e como se pretende establecer no TTIP, tería como consecuencia que calquera iniciativa regulamentaria municipal, por exemplo a elaboración das ordeanzas reguladoras dos polígonos industriais que inclúan criterios de sustentabilidade no marco das Axendas 21 locais, podería ser cuestionada polas ETN, debendo pasar un filtro custo-beneficio e unha avaliación de impacto comercial para poder ser aprobada, o que na práctica implicaría o seu bloqueo na maioría dos casos. Ademais, as posibles remunicipalizacións de servizos privatizados por gobernos anteriores devirían en prácticamente imposibles.
Este tratado suporía a mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos Estados aos intereses das grandes corporacións.
O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura da prestación dos mesmos por parte das ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo o carácter mesmo do sector público en todos os niveis institucionais e de poder, compromentendo a facultade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover a actividade industrial, o emprego e as iniciativas locais.
Se as negociacións sobre o TTIP seguen adiante, a lóxica imposta por este tratado levaría ao desmantelamento dos servizos públicos, á perda da liberdade dos poderes locais para subministrar os bens e servizos necesarios que permitan satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, así como limitacións á promoción de políticas de fomento da actividade industrial e de xeración de emprego local.
Esta maior liberalización das relacións comerciais EUA-UE, tal e como está concibida, implicaría unha rebaixa das regulacións que protexan ás persoas, como consumidoras e como traballadoras, e ao medio ambiente, xa que ditas regulacións enfróntanse aos beneficios das corporacións. Deste xeito, poríase fin ao "principio de precaución" vixente en Europa, o cal regula a lexislación sobre alimentación e dereitos dos consumidores europeos.
A aprobación da TTIP contribuiría, no caso do Estado Español, á planificada ofensiva do neoliberalismo conservador instalado no Goberno de España para desmantelar os municipios e que, en nome da "Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local", pretende tres obxectivos básicos:
- Restrinxir a democracia e a autonomía local.
- A supresión das competencias e servizos públicos locais.
- A total privatización dos servizos municipais.
As cidades e os municipios europeos recoñecemos a importancia do comercio de mercadorías e de servizos para o benestar da cidadanía. Porén, a competitividade e o desenvolvemento económico non deberían ser os únicos criterios para determinar os acordos comerciais como o TTIP e similares (por exemplo, o Acordo Multilateral para a Liberalización e Privatización de Servizos Públicos -TISA- e o Acordo de Libre Comercio entre Canadá e a UE -CETA-). Do mesmo xeito, os aspectos ecolóxicos e sociais deben de terse en conta en calquera negociación comercial bilateral e multilateral. Tamén é importante que se realice unha análise comparativa entre os custos que se xerarían nestes ámbitos coa aplicación do Tratado e as supostas vantaxes que o mesmo iría a achegar. Esta análise non só debe abranguer os efectos económicos potenciais, senón tamén os impactos que o TTIP podería ter en eidos como o social, o económico, o sanitario, o cultural e o medioambiental, tanto na UE como nos EUA.
Os gobernos rexionais da UE, así como as Corporacións Locais e Comunidades Autónomas do territorio español, teñen dereito a ser informados sobre a lexislación que vai ser acordada a escala europea e que lles pode afectar, para que deste xeito poidan expresar as súas opinións. Ese dereito non foi facilitado ata o de agora ás distintas rexións e Corporacións Locais europeas, a respecto das negociacións que se veñen producindo arredor do TTIP.
As Administracións Locais:
- Ao estar preto das necesidades dos habitantes teñen o deber de inxerencia respecto ao que persegue o TTIP, así como a obriga de responder ao mesmo, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo.
- Sendo as canles adecuadas para promover os servizos públicos, a industria e o emprego locais, esfórzanse para a súa promoción como resposta ao interese común.
- Están obrigadas a protexer os dereitos sociais, económicos e medioambientais, e a facer fronte aos perigos e esixencias que quere impor o TTIP permitindo prácticas hoxe prohibidas polas leis europeas. Cabe mencionar entre elas: a produción de produtos químicos e farmacéuticos sen que a súa inocuidade estea comprobada científicamente, a aceptación de alimentos modificados xenéticamente, o consumo de carne de tenreira e de porco tratados con hormonas ou de carne de polos esterilizados con cloro; ou a extracción de gas por medio da técnica do fracking.
As colectividades locais queremos ampliar o debate público e democrático sobre o que verdadeiramente está en xogo tras este Tratado, e a sorte que correrían os servizos e as compras públicas no caso de implantarse.
Polo anteriormente exposto, as colectividades locais queren por de manifesto que:
- O comercio e o investimento soamente poden contribuír ao ben común e conducir a intercambios económicos e socialmente beneficiosos se respectan as necesidades humanas, e non se basean únicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas transnacionais.
- A aprobación deste tratado suporía a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos e tamén a eliminación programada e progresiva da solidariedade e da democracia.
- A abertura total dos servizos e das compras públicas á competencia do capital privado produce efectos contraproducentes en canto á súa universalidade e accesibilidade, calidade e custo.
- Os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.
- Só a existencia diversificada dos servizos públicos socialmente útiles permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia.
- O control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos, así como favorecer a industria e emprego locais.
En base ao anterior, o grupo municipal de ALTERNATIVA VECIÑAL DO CARBALLIÑO, solicita ao pleno do Concello a adopción da seguinte MOCIÓN:
1.- Declarar a este Municipio do Carballiño como municipio insubmiso e oposto á TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social.
2.-Solicitar do Ministerio de Administracións Pública do Goberno de España:
- O seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos servizos básicos.
- A derogación inmediata con carácter retroactivo da "Lei de Racionalización e Susentabilidade da Administración Local", para lexislar no seu lugar unha nova normativa enfocada ao desenvolvemento da economía local.
3.- Solicitar do Ministerio de Economía e Competitividade:
- A suspensión das negociacións do TTIP e do TISA, e a non ratificación do CETA.
- Que disposicións do tipo ISDS non sexan incluídas en ningún futuro tratado de comercio ou investimentos, e sexan limitadas aos tratados actualmente en vigor.
- O mesmo aplica para disposicións sobre servizos públicos e da propiedade intelectual.
- Evitar a participación directa ou indirecta das ETN, a través de calquera tipo de organismo ou lobbie, nos procesos reguladores ou normativos da UE e os seus Estados Membros, en relación con temas sociais, laborais, sanitarios, medioambientais ou calquera outra materia. Os entes reguladores públicos poderán en todo caso establecer consultas non discriminatorias con organizacións democráticas da sociedade civil.
5.- Dar traslado deste acordo aos Gobernos de España e de Galicia e a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados e do Parlamento Europeo, para que se rexistre e quede constancia do mesmo.
O Carballiño, a 3 de Febreiro de 2016


Votos: Favorables:2 BNG,1 Alternativa Veciñal; Abbstencións:8 do PSOE,en contra,6 do PP.Moción rexeitada.Conclusión : O PSOE cada vez escora máis á dereita.
ResponderEliminarVotos: Favorables:2 BNG,1 Alternativa Veciñal; Abbstencións:8 do PSOE,en contra,6 do PP.Moción rexeitada.Conclusión : O PSOE cada vez escora máis á dereita.
ResponderEliminar