luns, 15 de xuño de 2015

MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO PARA PROHIBIR O USO DE HERBICIDAS NA "LIMPEZA" DAS BEIRAS DAS ESTRADAS DO CONCELLO DO CARBALLIÑO

 Fumigación con glifosato
Adega
Faro de Vigo
Xustificación da moción:

     O uso masivo de herbicidas para "limpar" as beiras das estradas do municipio do Carballiño, levado a cabo por diferentes administracións públicas como a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, así como tamén polas empresas de mantemento de autovías, debe rematar e ser substituído polo rozado mecánico das mesmas.

     Estas prácticas, a pesar de ser legais, supoñen o verquido de toneladas de produtos tóxicos ó longo das vías públicas, poñendo en risco os ecosistemas naturais e incrementando a posibilidade de incendios. A choiva arrastra os produtos químicos empregados, contaminando os acuíferos e entrando nas cadeas tróficas. Os herbicidas sistémicos que se empregan, tales como o Roundup (popularmente coñecido como randón ou rondón) é un glifosato moi dañino que pasa á terra e ás augas, e incluso pode ser inxerido directamente polos animais.

     Especies que non son o obxectivo da fumigación vénse expostas a estas substancias podendo chegar ó consumidor. O seu uso nas proximidades de terras de cultivo, fontes, casas e xardíns agrava as consecuencias negativas para a saúde das persoas susceptibles de afectación.

      En base ós argumentos expostos, solicitamos ós membros desta corporación a aprobación dos seguintes acordos:
  1. Prohibición do uso de herbicidas para a "limpeza" das estradas do Concello do Carballiño e a súa substitución por métodos de rozado mecánico que, ademáis de ser inocuos, crean máis postos de traballo.
  2. Recoller esta prohibición nas Ordenanzas Municipais do Carballiño a fin de proceder ó seu cumprimento.
  3. Trasladar este acordo ás entidades responsables do lanzamento dos produtos tóxicos, advertíndolles de que o Concello do Carballiño esixirá  o cumprimento da presente ordenanza polos medios legais pertinentes, casa de persistir na utilización de métodos contaminantes.
                                                                      O Carballiño, a 13 de Xuño de 2015

Ligazóns:



martes, 19 de maio de 2015

ALTERNATIVA VECIÑAL MARCA A AXENDA DOS OUTROS PARTIDOS


     A presenza de Alternativa Veciñal do Carballiño nos debates de campaña está a obrigar aos partidos tradicionais a centrar o debate electoral nos temas que realmente le importan aos vecinos e veciñas. Antes falaban de termalismo, de obradoiros de emprego, de preparación laboral, festas (Cachucha, Polbo, patronais, festa da cervexa, festa dos maiores…).Todo iso está moi ben mais non soluciona o día a día: o pagar os seguros de autónomos, os alugueres, luz, auga, impostos…

  •      O paro convertiuse no tema clave de debate. Con 1.400 parados, a moita xente con contratos temporais e con salarios ridículos non lles é posible a susbsistencia económica no Carballiño. A emigración segue a ser a saída laboral da xuventude e a demografía baixa. Todo isto non é froito da casualidade e dunha crisis de orixen descoñecido, os partidos que nos gobernaron durante este 40 anos e as súas políticas de esquecerse de quen os votou para favorecer só aos máis poderosos, tróuxonos a esta situación.
  •      O rural abandoado: Os núcleos do rural están a quedar totalmente despoboados sen que, dende o concello, se tomen medidas para evitalo. Cousas tan sinxelas, e ás que teñen dereito como contribuintes, como pode ser o mantemento dos accesos sen baches e sen herbas ou silvas ata o medio dos mesmos ou a falla dun transporte público intermunicipal, son o exemplo da desconsideración que se ten co rural dende o concello. Cunha brigada móvil dotada da maquinaria pertinente podíase solucionar esto a un custo razonable e asumible, se houbese vontade. Non vale decir que a partir do día 25 imos a arranxar todo o que non se fixo en catro anos.
  •      Gastos millonarios, sen finalidade concreta, como a adquisición a última hora da Ferraxería Soto, e o anuncio de campos de herba artificial ou pistas de tenis cubertas…é algo que non pode ser prioritario e que debe pospoñerse por razons obvias.

     A todos os partidos que contribuiron a debilitar o movemento veciñal éncheselles agora a boca co da participación cidadá. O noso modelo non é o de gastar 40.000 euros nun proxecto como o da Remodelación do PXOM e, despois de ir a consultalo polas Asociacións de Veciños, que remate nun caixón ante a incredulidade xeral. Hai que consultar antes e que sexa vinculante o que decida a maioría. Non é, por exemplo, consultar a un sector dos veciños de Curros Enríquez, sen escoitar ós outros. Nos apostamos por un Consello de Participación Veciñal con carácter institucional que, baixo a presidencia do alcalde, aprobe a distribución dos orzamentos de inversión no concello según as demandas dos consellos e comisións sectoriais (Economía e Emprego, Consello de Saúde, Padroado de Deportes, Turismo...etc.) con criterios de xustiza e equidade, non guiados polos amiguismos partidarios.


➙ Alternativa Veciñal do Carballiño no Concello:
     Se acadamos presenza de Alternativa Veciñal no concello a partires do día 25 nada vai a ser igual. Os plenos faránse ás noites para que a xente poida acudir a eles e as concelleiras e concelleiros poidan compaxinar o seu traballo coas labores políticas. O Consello de Participación Cidadán reuniráse semestralmente para decidir os asuntos importantes que lle competen ós contribuíntes, empezando pola distribución dos orzamentos. O resto dos órganos de participación serán obrigatorios, baixo a responsabilidade dalgún edil e con reunións periódicas fixas. O traballo prioritario será manter o que hai, sen grandes obras inasumibles e facendo cumplir as ordenanzas que xa están escritas: regulamento de tráfico, normativa sobre coidado de animais domésticos, recollida de lixo…

   Sexa da cor que sexa o alcalde do Carballiño, Alternativa Veciñal será a voz insobornábel da cidadanía para rematar coas promesas electorais incumplidas e se goberne a favor de quen paga os impostos.

luns, 18 de maio de 2015

ALTERNATIVA COA CONCILIACIÓN FAMILIAR

                                                                                                            Viñeta de Luis Davila

ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO quere facer unha reflexión sobre temas claves e de repercusión importante na vida cotián deste concello como son:

  • A educación.
  • A conciliación familiar.
  • A integración da muller no mercado laboral.


               A complexidade crecente da vida urbana e das interaccións que  nela se desenvolven impiden, en moitas ocasións, a armonización entre o ámbito laboral e o ámbito persoal, convertíndose nun desafío para as políticas socioeducativas.

            Sobre as nais soe ser sobre as que recae, de forma máis intensa, o peso das labores domésticas. Debido á permanencia dos roles tradicionais, as mulleres ven limitado o seu tempo que, habitualmente, remata ó servizo do benestar familiar. Esto impide á muller, en moitos casos, o aceso a postos de responsabilidade no seu ámbito laboral e, nos tempos que corren, en ocasións tamén repercute no acceso a un posto de traballo. Tampouco nos esquecemos daquelas avoas e  avós que, moitas veces, se ven empurrados a “botar unha man” no coidado dos cativos e cativas, recaendo sobre eles responsabilidades producidas polas taras das políticas de conciliación familiar.

                 Neste senso, facemos referencia ó fracaso destas políticas de conciliación familiar iniciadas fai anos coa intención de establecer modelos máis igualitarios pero que conduciron a elevar as cotas de malestar no Carballiño, principalmente entre as familias con cativos ó seu cargo. Contamos cunha poboación en idade escolar de máis de 2000 cativos e cativas, tomando a xornada intensiva como modelo (maioritaria en 12 comunidades autónomas) pero cun horario, implantado na maioría dos centros educativos desta nosa localidade, que nos parece pouco acorde ás necesidades existentes. De feito, moitas das familias que teñen escolarizados ós seus fillos e fillas nos nosos concellos están a facelo en centros que teñen como forma de xestión a xornada única.

            Se falamos da Galiña Azul, levamos anos escoitando a promesa dunha ampliación de horarios  pero, mentras tanto, temos familias con ambos proxenitores traballando que teñen que levar ós seus fillos e fillas a garderías privadas. Tampouco temos uns baremos de elección que se axusten á realidade das familias e moitos quédanse sen prazas.

           Diversos estudos indican que os nenos e as nenas ata os 10 ou 11 anos centran mellor a  súa atención nas primeiras horas da mañá, pero ó comenzar a xornada escolar ás 10.15h, é posible que se esté desperdiciando parte de ese tempo, ademáis de ser unha hora bastante tardía para os pais que teñan que armonizar ese "horario escolar" dos nenos co seu horario laboral. 
           Pensamos que igual de importante para o desenrolo psico-social dos nenos e das nenas é o tempo que pasan realizando as actividades propiamente académicas, como o que pasan no recreo ou no comedor, pero tamén o tempo que pasan cos seus pais, motivo polo que a conciliación familiar é tan importante.
               Por último, cremos que a partir das 17.15h (horario de saída escolar) fáiselles agotadora a realización de deberes e resulta pouco motivador para o desenrolo de actividades extraescolares que non son de obrigado cumplimento, pero si de axuda para o desenrollo integral dos rapaces. Este é un vello debate no que na maioría de ocasións foi zanxado mediante chantaxes e excusas respaldadas cos prezos do transporte escolar. Non nos vale!!!  non nos vale que primen uns intereses económicos por riba do benestar das nosas familias.



¿Qué propoñemos?

  • Aumento das plazas na Galiña Azul.
  •  Procurar que os baremos de acceso ós centros se axusten á realidade das familias.
  •  Abrir o diálogo cas familias, os profesionais e os responsables do transporte escolar para chegar a un consenso sobre o horario escolar.
  • Aumentar os servicios de atención ó alumnado fora do horario escolar, por exemplo, coa creación dunha cooperativa con profesionais que amplíen a variedade de actividades extraescolares, non só deportivas e lúdicas senón, tamén, de atención á diversidade e ó alumnado con necesidades educativas especiais ou con dificultades de aprendizaxe.
  • A ampliación da Biblioteca Municipal.
  • Creación de emprego neste sector.


 En tempos de crises económicas os países que saíron victoriosos foron aqueles  que invertiron en políticas socioeducativas. Cremos que a mellor herdanza que lle  podemos deixar ós nosos fillos é a súa educación.

xoves, 14 de maio de 2015

MOCIÓN EN CONTRA DA ADQUISICIÓN DA FERRAXERÍA SOTO


MOCIÓN DE ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO PARA ANULAR O ACORDO DA ADQUISICIÓN DA FERRAXERÍA SOTO MENTRES NON SE CUMPLAN DETERMINADAS CONDICIÓNS:


     Respecto da aprobación no último pleno da adquisición do edificio coñecido como antiga Ferraxería Soto na Rúa Tomás Mosquera do Carballiño e dadas as circunstancias en que se produciu dita aprobación, fan que Alternativa Veciñal O Carballiño propoña esta moción para debatir pola corporación entrante no mes de Xuño.

     Unha inversión de 1,7 millóns de euros, só por un edificio en ruinas e terreo colindante, no contexto económico actual, resulta caro e non debe facerse sen unha valoración pericial de dita propiedade. Tampouco, de momento, ninguén puxo sobre a mesa un destino inmediato para algunha finalidade pública do edificio e menos o orzamento para a súa rehabilitación. Outra cousa sería haber feito a operación antes de construír o Auditorio Multifuncional. Buscarlle un cometido como museo ou para usos de carácter lúdico ou comercial non é moi realista na actualidade. Falta consenso para desenvolver o mellor proxecto posible.

     Ninguén dubida da singularidade do edificio polo tipo de cosntrucción e ubicación. Grazas á iniciativa da arquitecta carballiñesa Trinidad Carrete hoxe está en proceso de catalogación como ben patrimonial pola Xunta de Galicia. 
     Mais non é o momento da súa adquisición polas seguintes razóns:

  1. Primeira: A aprobación repentina no último pleno antes dunhas eleccións municipais confírelle ao feito un carácter electoralista, rexeitable en democracia.
  2. Segunda: Unha inversión de tal calibre necesita uns estudos periciais de valoración axeitados ao mercado actual.
  3. Terceira: En ningún intre se buscou o consenso, nin co resto de grupos políticos da corporación nin coa cidadanía do Carballiño. Este tipo de decisións, pola envergadura da inversión, deben ser sometidos a un referendum popular.

     En base aos argumentos expostos: ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO propón á corporación municipal a ANULACIÓN DO ACORDO DE ADQUISICIÓN DO EDIFICIO E FINCA COÑECIDO COMO FERRAXERÍA SOTO, UBICADO NA RÚA TOMÁS MARÍA MOSQUERA, E SE INICIE UN PROCESO DE BÚSQUEDA DE CONSENSO E FINANCIACIÓN PARA UNHA POSIBLE INCLUSIÓN NO PATRIMONIO MUNICIPAL.


O Carballiño, 12 de Maio de 2015

Prensa: 


TRANSPARENCIA NA XESTIÓN

  

  ALTERNATIVA VECIÑAL O CARBALLIÑO COMPROMÉTESE COA TRANSPARENCIA


     As candidaturas cidadás, como Alternativa Veciñal O Carballiño, representan a concreción política das ideas dos movementos do 15M, como denuncia da falla de representatividade que ofrecen os grandes partidos por gobernar en contra dos intereses da maioría social. 

        No Carballiño gobernaron no Concello dous partidos que se alternaron por épocas cos resultados por todos coñecidos. Se en algo nos diferenciamos é en que pretendemos reconducir a situación desde abaixo e para iso é preciso garantir espazos de participación onde a transparencia, rendición de contas e revogación dos cargos sexa algo habitual.

        É grave que se presente a estas eleccións un alcalde imputado e sintomático que outro ex-alcalde dimita como diputado autonómico por implicación en cargos derivados da súa xestión municipal no Carballiño. Se houbese transparencia non estaríamos nesta situación.


Os representantes electos de Alternativa Veciñal comprométense a:
  • Facer públicas as axendas de traballo. Non espertaremos coa sorpresa que recibimos dous días antes do inicio da campaña de que se merca un edificio por unha cantidade millonaria e sen finalidade de uso. Non habería que meter no caixón un proxecto de remodelación do Plan de Urbanismo despois de gastar 40.000 €.
  • Os representantes de Alternativa Veciñal publicarán ingresos e patrimonio antes da toma de posesión.
  • Dimitirán dos seus cargos por incumplimento inxustificado do seu programa. A cidadanía controlará a súa labor desde os Órganos de Participación.
  • Para evitar as chamadas "portas xiratorias" (rematar traballando en empresas ás que beneficiaches mentres estabas no cargo), non se poderá traballar en ningunha de esas empresas ata pasado un mínimo de cinco anos.
  • Garantir a participación cidadá na toma de decisións relevantes.
  • Apostar claramente pola limitación do gasto da campaña electoral mediante a xestión cooperativa e traballo persoal para abaratar custos e on depender de financiación bancaria ou particulares que despois poidan pretender incidir na toma de decisións. Alternativa Veciñal O Carballiño fará públicos os gastos de campaña antes do día 24 de Maio. 


O Carballiño, a 14 de Maio de 2015.

xoves, 7 de maio de 2015

Eu SON do Carballiño.




EU SON DO CARBALLIÑO

     Os que somos do Carballiño, por nacemento ou adopción, resistímonos a ser testemuñas mudas da decadencia do noso concello. Tras preto de 40 anos de gobernos alternos de dúas familias que puxeron e quitaron alcalde, O Carballiño cada vez se asemella máis á “Vilamorta” que novelou Dona Emilia Pardo Bazán dende o seu Pazo de Banga.


     Temos un polígono industrial con cada vez menos ocupación. Temos dúas liñas de ferrocarril, vía rápida, estrada nacional e autopista sen transporte público de trens e buses como é debido. A feira non é o que era polo baixón demográfico da comarca. Os balnearios están anticuados e non cumplen a función que deberan. Como consecuencia o pequeno comercio e a hostelería aguantan malamente e moitos negocios vense obrigados a pechar as portas.

     Sen recursos non hai traballo e o paro é a tónica xeral, principalmente entre o sector xuvenil. A emigración volta a ser a saída laboral, co que se completa o círculo de decadencia que nos rodea.

     A culpa é da crisis e iso é xeral, nos din para que achantemos e quedemos calados mentres observamos como se rouba o patrimonio público, a banca, a sanidade, a educación…Os corruptos pídennos que aguantemos, que sexamos austeros e paguemos ás súas débedas. Os concellos cada vez suben máis os impostos e aínda así non dan prestado moitos servizos que deberían ser competencia doutras administracións.

    En resumo, despois de votar durante 40 anos a PP ou PSOE, chegamos á conclusión de que estamos cada vez peor. Votámolos para que defendesen
os nosos intereses e descubrimos que andan a defender ós poderosos (banca, grandes empresas, repartirse o patrimonio público…) e de paso vivir ben “eles” e o seu círculo de enchufados. Non cabe dúbida de que ahí hai xente que actúa de boa fe e pensa que é o único que se pode facer. Vai sendo hora de quitar a venda dos ollos. As cúpulas deses partidos están corruptas e non van a renunciar ó seu tren de vida. Aguantarán a aliaránse entre eles mentres o consintamos.


É A HORA DA CIDADANÍA

É evidente que quenes tiveron a oportunidade de deixarnos un Carballiño mellor durante todos estes anos (40), non van a ter prórroga unha vez máis para que nos volvan a enganar. Somos nós, os cidadans de a pé, os que pagamos os impostos, os que sufrimos as consecuencias das súas tropelías, quenes imos a gobernar O Carballiño todo o ano agrupándonos nunha candidatura veciñal. Participando con honestidade e transparencia xestionaremos eficazmente os nosos recursos. Queremos gañar o concello para cambiar o xeito de facer política sen siglas partidarias. Recuperaremos a vida social das parroquias e dos barrios da vila. Recuperaremos a economía, a vida laboral, cultural e política. Non nos queda outra. Unha vez máis é o pobo quen se ten que botar a historia ao lombo.
¡Polo futuro dos nosos fillos e fillas participa, apúntate á Alternativa Veciñal!
SOMOS DO CARBALLIÑO, SOMOS UNIDOS, CAMBIAREMOS ESTE CONCELLO.